Thursday 31 de October de 2024

O Concello e a RAG retoman o ciclo de conversas de Pardo Bazán coa delegada da Axencia Tributaria, Imelda Capote


Esta actividade celebrarase dentro do programa deseñado polo Concello con motivo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, que inclúe máis de 40 iniciativas sobre a figura da escritora

O Concello e a Real Academia Galega retoman o próximo xoves o ciclo de conversas As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán coa presenza, ás 18.00 horas na sede da rúa Tabernas, da delegada
especial en Galicia da Axencia Tributaria, Imelda Capote. A convidada, que será entrevistada polo xornalista Luis Llera, abordará o teito de cristal na administración nun encontro aberto ao público, que poderá seguirse a través da canle de Youtube de Cultura. Para asistir á cita, recoméndase reservar praza no correo electrónico casamuseoepb@academia.gal. Esta actividade celebrarase dentro do programa deseñado polo Concello con motivo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán en que o Goberno de Inés Rey organizou máis de 40 eventos.

A programación do #EPB100, ademais de continuar coas conversas e os roteiros, contará coas representacións teatrais no Rosalía de Castro de “Los Pazos de Ulloa” e “La Tribuna”. En setembro, celebraranse dous congresos internacionais sobre a figura da condesa no ámbito académico a cargo da Real Academia Galega e a Universidade da Coruña e máis tarde inaugurarase a mostra “El Reto de la
Modernidad” no Kiosco Alfonso e unha serie de visitas e concursos escolares. O Teatro Colón acollerá en outubro a representación de “Mi miquiño del alma” e o proxecto musical de Joaquín Pixan “Música na poesía de Emilia Pardo Bazán” e en novembro proxectaranse no Teatro Colón unha serie de obras audiovisuais baseadas na condesa e o seu legado, así como unha exposición da Sociedade Filatélica. Decembro pechará o ano coa última edición das conversas e unha publicación inédita arredor da escritora.

LIDERADO FEMININO NO SECTOR PÚBLICO
A canaria Imelda Capote, que vive en Galicia desde 2000, reflexionará sobre o novo liderado feminino no sector público e os retos para lograr a igualdade efectiva en postos de responsabilidade.

O ciclo, que comezou o pasado marzo, reunirá na casa da escritora coruñesa un total de oito figuras que destacan nos seus respectivos campos para reflexionaren sobre os avances do feminismo e o camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade real. A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de inaugurar a iniciativa, que recibiu a académica Marilar Aleixandre, a música Susana Seivane e a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro. Nos vindeiros meses, participarán Rosa Martínez, primeira directora da Radio Galega; María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e a escultora Soledad Penalta